luns, 22 de maio de 2017

Novos talentos

O mércores 17 fixéronse entrega no museo Torres dos premios de poesía e narración organizados polo Concello e o Ateneo Santa Cecilia, respectivamente. O fin foi conmemorar a figura de Carlos Casares, poeta homenaxeado no Día das Letras Galegas.
O noso alumnado foi premiado en ambas categorías:
Álvaro Pastoriza Gómez, Natalia Pérez Del Río e  Cristina Gallego Trabazo recolleron o (1º, 2º e 3º premio) no XIX Certame do Concurso de Poesía do Concello de Marín.
Jessi Ogando Chapela e Ainhoa González Fernández os premios 2º e 1º no III Concurso de Narración Marín Conta organizado polo Ateneo Santa Cecilia.
Na fotografía aparece tamén a profesora Susana Arizaga, propulsora destes novos escritores.


domingo, 21 de maio de 2017

Flashmob

O IES MESTRE LANDÍN LATEXA POR TI
Dentro das actividades para celebrar a Semana das Letras Galegas, numeroso alumnado e profesorado do centro representamos un flasmob na Alameda de Marín.
Coa música de fondo da canción "A bicicleta" e unha nova letra creada para darlle vida ao noso idioma realizamos  un vídeo que proximamente publicaremos.
Estas son algunhas instantáneas da alegría que rodeou o acto.


Semana das Letras Galegas 2017

Para a celebración das Letras Galegas participamos en varias actividades.
A primeira foi a realización dun vídeo elaborado conxuntamente polo EDLG do noso instituto, o do CEP Sequelo e o CEIP Carballal.
Un xogo de nenos, que son pistas para adiviñar títulos de Carlos Casares.
Nós preparamos, Xoguetes para un tempo prohibido, Os soños escuros de Clío, Un país de palabras e Ilustrísima.



mércores, 26 de abril de 2017

23 de abril

Este día é moi especial para todas as persoas que disfrutan cun libro.
Na Alameda de Marín celebráronse diferentes actos tendo como protagonistas os libros.
A  Asociación de Mulleres Intercambio do Saber fixo entrega de diferentes premios aos participantes gañadores no V Certame de microrrelatos.
No noso centro resultou premiado Javier Padín de 1º A.
Podedes ler o seu relato...
A muller que nunca dicía a verdade
Non todo era como aparentaba. Esa muller dicía que a súa casa era de douscentos metros cadrados pero en realidade tiña corenta. Saía cun abrigo de pel, sombreiro, luvas e zapatos de tacón,pero cando chegaba a casa, quitaba a roupa e víase o seu pelo descoidado, a roupa de debaixo estaba rota e as mans e pés cheos de durezas.
Limpaba escaleiras para poder gañar uns poucos cartos.
Hai moitos anos si vivira nunha boa casa, vestira roupa cara e convidaba a todos os seus amigos a tomar café pero todo cambiara. Foi perdendo todo pola súa adicción ao bingo.
Sin embargo trataba de aparentar todo o que non era. Contaba a todos que era feliz pero a súa familia abandonáraa e só lle quedaban catro prendas nas que esconder a súa verdade.


luns, 13 de marzo de 2017

O libro das Portas

Este curso tamén participamos no Salón do Libro de Pontevedra.
Dende o 10 de marzo ata o 2 de abril podemos ver o noso traballo  que inspirados no "mundo que queremos" creamos na aula.
Participamos dende distintos departamentos, tecnoloxía, lingua castelá, francés e matemáticas.
Podedes valorar o resultado nas instalacións do Pazo da Cultura.
Dicirvos tamén que o día 24 ás 18:00 h actúa alumnado de 4º coa performance que xa presentaron no instituto, en Santiago e que forma parte do proxecto Educación responsable.


.

domingo, 5 de marzo de 2017

O entroido no ML

Un ano máis o noso pavillón dou paso ao entroido. A idea era fomentar o turismo sostenible e ben que o logramos!!!!
Os carteis anunciadores nas aulas e tamén nas redes sociais motivaron que a participación fose importante.
Unha nota de alegría e camaradería o aportaron as murgas que con audacia se interpretaron.
Contamos tamén coa presencia da Asociación de Mulleres Intercambio do saber que nos ofreceron a súa maestría coas filloas.
A ANPA puxo as bebidas e tamén degustamos postres elaborados polas familias.
.

martes, 7 de febreiro de 2017

Radio ML

Dámosvos a benvida dende o club de lectura Cataventos.
Seguiremos cada semana conectados a Radio ML para ir escoitando as nosas impresións sobre os libros que caerán nas nosas mans.

Club de lectura 1

luns, 9 de xaneiro de 2017

Este pasado verán perdemos a Agustín Fernández Paz, dun xeito ou doutro a súa obra sempre está preto de nós, no día a día do instituto. As temáticas achegadas ós intereses de adolescentes, as rapazas intelixentes e fortes protagonistas dos seus libros, o noso pasado máis inmediato, son valiosos fitos na lectura e nos comentarios posteriores.
Por mor de todo isto, desde o departamento de Lingua Galega e o Equipo de normalización lingüística decidimos, neste  primeiro trimestre, achegarnos á vida e á obra de Agustín Fernández Paz. Para ambientarnos, realizouse un mural coas portadas de moitas das súas obras acompañadas polo seu retrato de David Pintor.
Nas clases de 1º ESO limos varios contos de “Contos por palabras” e a historia de Hadrián en “O raio veloz”. Buscouse información sobre a súa vida e amosámola nun mural feito de datas relevantes e de premios recibidos. Sabendo do devezo de Agustín polo cine encadramos a información en claquetas.
Co estudantado de 2ºESO lemos inicios de varias obras e varios dos seus contos. Escoitamos, en youtube, a charla que Agustín deu no IES de Fene no ano 2008,  sobre como facía el para  escribir as súas historias e de onde lle viñan as ideas. Despois, partindo dos diferentes títulos dos seus libros e escollendo varios crearon diferentes minirrelatos con resultados ben acaídos.
Nos grupos de 3º e 4º da ESO recibiron unha invitación a ler algunha das diferentes novelas de Fernández Paz que hai nos andeis da nosa biblioteca. Rematada a lectura escollían un anaco que lles gustara especialmente e partillábano no mural do corredor.
Finalmente, lemos e comentamos o texto “Os ríos da vida” que Agustín escribiu para o Día do Libro do ano 2012 e recollemos estas palabras súas para poñer o ramo a esta crónica:

Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.