martes, 3 de xullo de 2018

Marusía 18

TEATRO ML "Os merlos brancos"

OS MERLOS BRANCOS CHEGAN AO NOSO CENTRO


Uns merlos nacen brancos e fan unha longa viaxe na busca da súa identidade, ata volver á súa casa. No seu recorrido atoparán paxaros de moitas cores diferentes, aprenderán a pescar e a repartir correo, caerán no fondo dunha chiminea e se enfarruscarán ata pensar que se volveron negros, como seus pais. 
Cómicos, merlos, gaivotas, cotorras, flamingos e pombas son os personaxes que interpretan dezaoito alumnas e alumnos de 1º a 4º ESO nesta adaptación da obra teatral "O merlo branco" de Cándido Pazó. 
O teatro potencia a expresión oral, as habilidades de relación, a inclusión, axuda a desenvolver técnicas memorísticas e promove a creatividade, a autonomía, a autoestima positiva, a expresión das emocións, o esforzo, a responsabilidade e o benestar. 
ESTAMOS MOI ORGULLOSAS DOS NOSOS ACTORES E ACTRICES!!!

O día da actuación diante dos seus compañeiros e familias

luns, 2 de xullo de 2018

1º PREMIO DE NARRACIÓN CURTA

XV PREMIO DE NARRACIÓN CURTA CONCELLO DE MARÍN





Lignum

Esta vila da que aquí se fala é coñecida como Lignum. É unha das vilas máis antigas e fermosas do mundo, pero detrás da súa marabillosa arquitectura e a súa abundante natureza esconde un gran segredo...

Nunha pequena casa cerca da praza principal, vivía unha nena chamada Victoria. Ela tiña o pelo tan longo e rizado que asemellábase ás ondas a punto de bater contra as pedras. Ao igual ca o pelo, tiña uns ollos marróns e grandes, similares a dúas perlas. Tamén tiña uns labios redondeados e rosados como cereixas recén collidas da árbore. A súa pel era tan branca e tan fermosa que parecía mármore, e cando se movía  facíao con tanta delicadeza que parecía unha fermosa boneca.
Victoria vivía cos seus avós, xa que os seus pais morreran catro anos atrás, cando ela só tiña cinco. A súa avoa chamábase Elena, e o seu avó Xoán. A súa avoa era baixa e gordecha, pero era moi guapa: Tiña o cabelo branco, longo e rizado, ao igual que a súa neta, e tamén tiña uns ollos grandes pero de cor azul. Xoán, o seu marido, era todo o contrario: Tiña o pelo escuro, curto e liso, os ollos moi escuros e era alto e fraco. Aos dous gustábanlle dar longos paseos polo lugar mirando cada pedra do camiño e observando como xogan os nenos e as nenas. O paseo duraba uns vinte minutos e despois volvían a súa casa e tomaban unha infusión de Cardo.
A súa casa era pequena e antiga, pero era unha das máis fermosas de toda a vila, aínda que esta tampouco fora moi grande. As súas paredes estaban pintadas de cor turquesa, e a porta principal e a porta traseira de cor marrón chocolate. Tiñan dez ventás e un balcón na parte de arriba da casa, e seis ventás e unha galería na parte de abaixo. Tamén tiña un xardín moi grande con dúas maceiras, un limoeiro, unha figueira e tres castiñeiros. Tamén tiñan moitos tipos de flores, entre elas margaridas, hortensias, gardenias, xirasois,... A Victoria encantáballe xogar coas bolboretas e coas flores dese mesmo xardín, era coma o seu refuxio, un lugar onde se sentía segura pasara o que pasara.
 Unha noite de decembro coma outra calquera, a avoa Elena avisou a Victoria que baixara a cear coma todos os días a aquela mesma hora. A nena non contestou, pareceulle raro, pero non lle deu máis importancia. Xa tiña a cea posta cando se deu conta de que a rapaza aínda non baixara, así que esperou un pouco máis, pero seguía sen baixar. Cando pasaran dez minutos decidiu ir a buscala, así que subiu as escaleiras de madeira da casa e chegou ao corredor da planta de arriba. Dirixiuse ao cuarto da pequena, colleu o pomo da porta e abriuna. Ao entrar na habitación fixouse que todo estaba moi ordenado, cousa que era moi rara porque a rapaza era moi desordenada. Mirou cara a dereita e cara a esquerda, pero a nena non estaba por ningunha parte. A avoa asustouse e gritou tan forte que os paxaros do tellado fuxiron co medo.
Pouco despois o avó chegou ao cuarto e viu a súa muller que estaba sentada na cama, coas mans diante da cara e chorando mares de lágrimas.
- Que pasou? -Preguntoulle o anciá a súa muller, pero ela non lle puido contestar porque non era capaz de pronunciar nin unha soa palabra. O home volveulle a preguntar o mesmo e ela respondeulle:
- A nena... Non está... 
- Como que non está? 
- Non a encontro, xa busquei por todo o cuarto e non está. 
- Miraches no baño? E na sala?... 
- Tampouco.
Os dous anciás volveron  buscala por toda a casa, pero non serviu para nada, a  nena non estaba.
Despois dun par de minutos os dous saíron da casa rapidamente e decidiron ir ao concello da vila para avisar da desaparición da rapaza, pero o concello estaba pechado ao ser tan tarde. Entón foron a casa da súa veciña Gabriela, e esta avisou ao resto dos veciños, e todo o mundo comezou a buscar a nena.
Os da familia Rodríguez buscárona por un camiño que daba ao bosque, e a familia López buscouna polo outro camiño que levaba ao mesmo lugar. Os Rosales buscárona polo norte da vila, os Martínez pola parte sur, os Rodríguez pola parte leste e os González pola parte oeste. Tamén axudaron os Medraño, que a buscaron polo lago.
Escoitábase dun extremo ao outro da vila os alaridos de todas as familias que buscaban a pequena, pero seguía sen aparecer. Todos buscaban polos rincóns máis agochados, dentro das cortes dos animais, polas calellas máis estreitas, ata no medio dos arbustos máis densos.
- Nós xa buscamos por todo o bosque e nin rastro da nena- dixeron os López moi decepcionados pola búsqueda sen resultados.
- Nós tampouco a encontramos, e iso que somos once- dixeron despois a familia Martínez, xa que esta familia é moi grande, a avoa Ximena, o avó Eustaquio, os seus tres fillos, Antón, Luís e Uxía, o marido de Uxía, Miguel, a muller de Antón, Alba, e os tres fillos de Uxía e Miguel, Isabel, María e Manuel.
Pasaron tres horas dende que comezaron a buscar a nena, pero ninguén encontrou nada, nin unha pequena pista de onde podía estar.
- Síntoo moito Elena, pero non encontramos a nena.
Ao Gabriela dicirlle estas palabras a anciá rompe a chorar outra vez máis.
O seu marido queda de pedra,e intenta pensar onde se puidera meter a súa neta, a que nunca rompía un prato, a que nunca mentía, a que sempre... De súpeto a Xoán iluminóuselle a cara e dixo:
- Xa sei onde está!
A súa muller mirouno e parou de chorar nese mesmo instante, secou as lágrimas e díxolle ao seu marido:
- Onde? 
- Ti só sígueme .
As dúas mulleres foron detrás de Xoán, e este levounas por un camiño ao que as dúas lle pareceu coñecido. Cando se deron conta viron que estaban outra vez na casa dos anciáns.
- Que facemos aquí? -preguntou a anciá, pero non tivo resposta. Miraron que Xoán estaba abrindo unha pequena canceliña da casa que daba ao xardín. As dúas mulleres miráronse unha a outra e decidiron seguir o vello.
Ao chegar ao xardín quedáronse coa boca aberta, non daban crédito ao que viran. Tiñan diante dos seus ollos a nena. Estaba durmida encima das pólas das maceiras, pero xusto as pólas que suxeitaban a pequena estaban a ras do chan.
O avó da rapaza acercouse a nena e ela abriu os ollos, bocexou e despois ergueuse dun salto. De súpeto as pólas das maceiras movéronse e volveron ao seu sitio. Todos quedaron sorprendidos menos a nena, que parecía que non vira nada do que alí acontecera.
- Que facedes coa boca aberta? -dixo ríndose a nena. A súa avoa mirou para ela e dixo:
- Como... A árbore... Moveuse... 
- Si, faino sempre. 
Os tres miraron cara a nena cando ela lles dixo iso.
- Dende cando? -dixo Antón, que aínda seguía sorprendido.
- Dende que teño memoria. Mirade. 
Xusto despois de dicir isto lanzouse contra o chan cerca das árbores, estas movéronse coma se tiveran vida e colleron a nena con delicadeza para que non se fixera dano.
Eles tres seguían sorprendidos mirando a nena, e así seguiron uns cinco minutos ata que se deron conta de que aquela nena e a natureza tiñan un vínculo especial.

  
INÉS MACENLLE MARTÍNEZ, 2ºB 



Inés lendo o seu texto o día da entrega de premios

1º PREMIO CONCURSO DE RELATOS MUSEO LISTE 2018

PESCAR E NADA MÁIS


Ola, o meu nome é Daniel. Eu teño 15 anos. O meu hobby máis grande é a pesca. Deberiades probalo.
Ben, vou comezar a contar unha historia.
Estiven con algúns señores no peirao de Marín.
Díxenlles que os mariñeiros desaparecidos vivían na illa de Tambo. Pero non me creron.
Ao día seguinte, cunhas poucas horas de luz, fun á casa e collín as chaves da planeadora, sen que se enteirasen.
Fun correndo para poder sacala e que ninghén me mirase.
É unha planeadora de 6,20 cun motor de 60 cabalos e vinrrude dous tempos. Parece pouco pero chega aos 37 nós.
Como ía sempre pescar cos meus pais e irmáns sabía onde estaban todas as pedras e os obxectos do fondo.
Meu pai traballa no mar , cóntame todo, onde está o polbo, a robaliza, a cabala ,etc...
A min o que máis me gusta é pescar a robaliza, é moi divertida, se caes nelas colles a varrer, o malo é que as rapalas e vinilos son moi caros. Volvendo ao que estabamos.
Estaba a piques de saír xa do porto e entrou a zodiac da garda civil.Eu moderei a velocidade. _Tiven sorte, tiñan a orde de volver para terra por un temporal, o que me estrañaba era que non me dixeran nada.
Á fin conseguín saír do porto, o mar empeoraba cada vez máis, aínda por riba había vento que facía o mar máis violento.
Xa entendo porque din que o mar é perigoso. Eu non penso nin en broma dar volta, xa cheguei moi lonxe para renderme.
O barco movíase de lado a lado, eu seguía pensando que non podía renderme, era a miña oportunidade. Volvín a moderar para que o barco non estivese a dar tantos golpes.
De repente escoito unha bucina coma dun mercante.  Miro para estribor e ao lonxe vexo un enorme barco estropeado e vello, tiña os ventanucos rotos. Parecía o barco de Piratas do Caribe pero máis novo, como a Perla Negra.
Eu tirei para diante calcando cada vez máis a panca da velocidade. Volvín mirar para atrás pero xa non estaba… Definitivamente era un barco pantasma.
De súpeto soltei o volante por un golpe de mar eee, plof! caín ao mar. Menos mal que levaba o home á auga e parouse o motor, senón marchaba o barco sen min.
Nadei ata collelo, por pouco afogo. Case non tiña forzas nin de subirme ao barco. Intenteino por estribor, babor, proa e finalmente, popa.
Son parvo!, sabía de sobra que popa era máis baixiño para poder subir!
Nada máis subir fun para proa e collín o neopreno que sempre gardabamos alí para mergullar. Ao poñelo puxen rumbo outra vez, xa estaba cerca, o mar xa non era tan forte xa que na illa de Tambo facía abrigo. Dinlle a fondo, quería chegar xa. Ao ver o faro fun para unha especie de praia que se formaba na baixamar. Collín o rizón nada máis chegar tireino e deixei bastante cabo para que agarrase máis ao fondo. Fíxenlle un chicote e listo.
Empecei a notar como se algo estivese a rascar o barco por debaixo. Había unha lenda das moreas, que cando era lúa chea podían chegar a fundir os barcos… Fun correndo a proa e collín o fusil de mergullar, tireime sen medo. Efectivamente  era unha delas! Apunteille e disparei na cabeza da morea esa. Carallo como fuxiu! jajaja!
Xa estaba! Fun para terra e xa na beira agocheime baixo unhas rochas… Había alguén a coller ameixas. Con moito coidado fun por uns arbustos e cría que non me vira.
Fun correndo para o medio da illa e escoitei un ruído como se algo estivese detrás miña. Eu sabía que antigamente na illa os militares criaban os porcos. Sería un deles? Por desgraza, non. Alguén ou algo agarroume. Estaba frío, mollado e tiña como algas pegadas no corpo e eu caghado de medo, díxenlle: “ves mariscar ou que? Estás un pouco mollado!”
O ser ou persoa púxome un saco na cabeza e deume un golpe. Eu desmaieime e cando espertei estaba no medio da praia grande ao lado da antiga ponte en ruinas que cando subía a marea cubríaa enteira. Non me deu tempo nin sequera a levantarme e apareceume unha meiga. Todos os mitos son de verdade ou que?
Berrou,eu non a entendín moi ben, creo que dixo un nome porque veu a criatura que me agarrara, agora xa sei quen….
NOOOOOOON!  Grite.  Miña nai espertoume. Eu, chorando, díxenlle que quería que todo iso fose verdade, non pode ser,  o único que era verdade era o de pescar eeee  NADA MÁIS!…….

ALFREDO FUENTES, 3º ESO