luns, 9 de xaneiro de 2017

Este pasado verán perdemos a Agustín Fernández Paz, dun xeito ou doutro a súa obra sempre está preto de nós, no día a día do instituto. As temáticas achegadas ós intereses de adolescentes, as rapazas intelixentes e fortes protagonistas dos seus libros, o noso pasado máis inmediato, son valiosos fitos na lectura e nos comentarios posteriores.
Por mor de todo isto, desde o departamento de Lingua Galega e o Equipo de normalización lingüística decidimos, neste  primeiro trimestre, achegarnos á vida e á obra de Agustín Fernández Paz. Para ambientarnos, realizouse un mural coas portadas de moitas das súas obras acompañadas polo seu retrato de David Pintor.
Nas clases de 1º ESO limos varios contos de “Contos por palabras” e a historia de Hadrián en “O raio veloz”. Buscouse información sobre a súa vida e amosámola nun mural feito de datas relevantes e de premios recibidos. Sabendo do devezo de Agustín polo cine encadramos a información en claquetas.
Co estudantado de 2ºESO lemos inicios de varias obras e varios dos seus contos. Escoitamos, en youtube, a charla que Agustín deu no IES de Fene no ano 2008,  sobre como facía el para  escribir as súas historias e de onde lle viñan as ideas. Despois, partindo dos diferentes títulos dos seus libros e escollendo varios crearon diferentes minirrelatos con resultados ben acaídos.
Nos grupos de 3º e 4º da ESO recibiron unha invitación a ler algunha das diferentes novelas de Fernández Paz que hai nos andeis da nosa biblioteca. Rematada a lectura escollían un anaco que lles gustara especialmente e partillábano no mural do corredor.
Finalmente, lemos e comentamos o texto “Os ríos da vida” que Agustín escribiu para o Día do Libro do ano 2012 e recollemos estas palabras súas para poñer o ramo a esta crónica:

Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.