martes, 26 de abril de 2016

Extravaganzza ...segue repartindo ilusións....





O sábado 23 de abril o IES Mestre Landín conmemorou o Día do Libro con moitos nenos e nenas de Marín na Biblioteca Pública Municipal, coa representación dun teatriño de monicreques.
A adaptación teatral do libro "As peripecias de Extravaganzza Pérez", a última obra de Ledicia Costas, foi o punto de partida para  invitar a todos os asistentes á lectura, a descubrir os mundos que habitan nos libros e mostrar unha das innumerables aventuras que os lectores poden vivir a partir deles.
Extravaganzza, unha rapaza de 11 anos cunha sensibilidade especial para os animais, fai unha longa viaxe en busca dos seus pais. Acompañana uns flamengos no seu percorrido por diferentes ecosistemas, nos que van atopar morcegos, lémures, pelícanos, baleas, osos polares, monos e xaguares. E, neses lugares, Extravaganzza descubre o valor da solidaridade e a perseverancia, así como a súa propia capacidade de superación persoal.
Son estes mesmos valores os que demostran os adolescentes que deron vida aos monicreques, primeiro cosendo as marionetas, diseñando os decorados, e logo ensaiando en horario de recreo, polas tardes e, incluso, durante as vacacións, para poñer en escena esta obriña que fixo as delicias de cativos e maiores.
Alba, Alfredo, Cristina, Desireé, Lara, Nerea F., Nerea P. e Verónica, alumnos de 1° e 2° de ESO, foron os artífices da representación, a última das numerosas actividades organizadas por este instituto para celebrar a Semana do Libro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario