xoves, 19 de marzo de 2020

RECEITAS PARA DISFRUTAR EN FAMILIA

Estes días serán un bo motivo para preparar doces que logo nos alegrarán os almorzos ou as merendas.

Pensando no Libro de Ledicia Costas,  “Escarlatina, a cociñeira cadáver” atopei unha oportunidade para estes días, ler un rato e experimentar con receitas que sempre saen ben.
Imos probar con esta  que figura no libro e que xa saboreamos nalgún momento  Madalenas caseiras para lamber os fociños…

Ingredientes para 4 persoas:
·         2 ovos
·         125 gr de azucre (6 culleradas sopeiras)
·         60 ml de leite (10 culleradas sopeiras)
·         190 ml aceite de oliva suave (20 culleradas sopeiras)
·         210 gr de fariña de trigo
·         7 gr de fermento químico (1 sobre)
·         Raspadura de limón
·         1 chisco de sal
Utensilios:
·         Un batedor mecánico
·         Un batedor manual
·         Unha cunca
·         Moldes en forma de sobreiriños brancos.
Mans á obra:
Collemos a cunca e batemos os ovos co batedor mecánico xunto co azucre a un ritmo medio(nin moi rápido nin moi amodo). Baixamos a velocidade para non emporcallalo todo (e en especial para non emporcallarnos nós mesmos), incorporamos o leite e engadimos o aceite pouco a pouco.

Engadimos os ingredientes secos (fariña, fermento, sal e raspadura de limón) batendo o tempo xusto para que a masa quede homoxénea (homoxénea significa que sexa una masa toda igual, con ingredientes ben mesturados e teña unha apetitosa cor amarela suave, coma a que ten o recheo da torta de galletas da avoa ou as follas dos castiñeiros nos primeiro días de outono).

Tapar a masa cun pano e deixar repousar na neveira toda a noite. Pasado o tempo de repouso, poñemos o forno a 250º  Bater a masa co batedor manual (é un xeito de dicirlle á masa; eh, que xa estás lista e dentro de nada vaste transformar en madalena!!!) e repartir nos moldes con forma de sombreiriños brancos. Ollo! Non os enchas de todo (como máximo tres cuartas partes de cada molde), xa que a masa aumentará de tamaño coa calor do forno e pode rebordar dos sombreiriños. 

Decorar con azucre ou cchocolate. Baixar a temperatura do forno a 210º e meter as madalenas 15 min. Deixamos arrefriar e …listas para papar!



Faltan os moldes pero xa os vedes na foto seguinte!

Neste momento suplicamos que medren...!
Engadimos chocolate

Estamos desexando saborealas...


Preparadas por Gael Búa

Ningún comentario:

Publicar un comentario